Artistas
 

c


google muldia.com

 

biografía | discografía | textos | principal | discos disponibles | enlaces Firma de Alfredo
Alfredo Zitarrosa

zitarrosaReproducimos esta crónica de Xan Carballa, que desde Galicia rinde homenaje a Alfredo:

Alfredo Zitarrosa, a voz profunda do exílio latinoamericano

Hai dez anos morria en Buenos Aires un dos mellores cantores populares do continente.

Xan Carballa

O seu Guitarra Negra quedará para sempre na memória de quen o escoitou. Admirado como unha figura nacional no Uruguai, Alfredo Zitarrosa é a viva encarnadura dun artista no seu país. Golpeado pola história, o artista que aspiraba sobretodo a ser popular, no sentido de que a xente coñecese as suas cancións porque do povo as tiraba, viviu unha vida durísima. Pero afinal trunfou e hoxe quedou como un dos grandes que a xente reclama. Unha biografia do xornalista arxentino Guillermo Pellegrino, resgata a memória de Zitarrosa.

"O cantor comezou a recitar os versos de Guitarra Negra nunha reunión de obreiros convocada pola UGT en Madrid. Non tiñan idea do que lles falaba. Durante os primeiros dez segundos todos nos mirábamos, eu tamén estaba sorprendido. Ao terceiro verso fiquei petrificado, de onde saiu este marciano?, pensei. Asi até que rematou. Nunca vin nada máis emocionante na vida. Desde aquela ámoo". Asi se expresa Joaquin Sabina, un dos múltiples entrevistados por Pellegrino, que editou o seu traballo de investigación xornalística na Editorial Planeta de Latinoamérica. Como o cantor madrileño, a estea de admiradores da obra de Zitarrosa é moi extensa: de Serrat a Silvio Rodríguez, de Víctor Herédia a Mercedes Sosa.

Coñeciamos un traballo de Enrique Estrazulas, descatalogado desde hai anos, da editorial catalana Sedmay. Incluíanse daquela partituras de moitos traballos de Zitarrosa, entre elas aquela Para Manolo, adicada con imenso amor ao bolichero Manolo Touriño, que tiña a Zitarrosa como visitante habitual do establecemento e ao que o uruguaio lle pediu que lle ensinase a cantar unhas estrofas en galego. Cantou esa canción na sua única visita artística a Galiza (A Coruña, 1976), durante o durísimo exílio que viviu, expulsado do seu país polos militares.

Zitarrosa tivo unha infáncia moi difícil. Fillo de Blanca Iribarne, non coñeceu a seu pai biolóxico, e a nai entregouno en crianza a Carlos Durán e Doraisella Carbajal. Dos Durán tomou o apelido durante anos, até que a nai casou cun arxentino Zitarrosa, do que colleu o apelido co que chegou até nós o cantor. Esa cicatriz vital marcou toda a sua vida e as suas relacións. A obra de Pellegrino entrégase a unha investigación exaustiva de toda esa peripécia vital. Percorre e documenta a vida do cantor e todas as suas relacións sentimentais e dramas interiores. A sua relación intensa co alcool e o tormento interior. Cando xa maior e volto dos exílios visitou a un psiquiatra resumiulle ao seu amigo Eduardo Galeano "o doutor díxome que non tiña que preocuparme de que a policia me torturara se me detiñan. Dime que eu levo ao torturador dentro".

As testemeuñas dese desgarro inacabábel, que mesmo lle facian pensar que a sua obra carecia de valor, refléxaa tamén o relato de Sílvio Rodríguez cando os anos de Zitarrosa en Madrid. "Visiteino moito nun ano que estivemos tempo en Madrid actuando. Pero el sempre acababa chorando, moitas veces tamén eu chorei con el. Sofria moito". Era, ademais das condicións de separado da sua muller e fillas (Carla Moriana e Maria Serena, que teñen adicadas duas das suas máis fermosas cancións), a da nostálxia inacábabel do exílio e a falla de recoñecemento nun país cando era unha figura xa en toda América.

Compromiso social

Militante do Partido Comunista do Uruguai, integrado na Frente Ampla, Zitarrosa entendeu o compromiso profisional con todo o seu contido, e tamén a vinculación da sua arte coa sociedade "a canción motoriza, mobiliza conciéncias, estimula. Cando a canción é verdadeira, cando é sincera e está da parte do povo, da xente que traballa, e está inserta na realidade que padecemos. A canción é testigo fiel e válido. Quen a escoita coa atención necesária, atópase a si mesmo e á clase social á que pertence. Até aí considero o papel do canto importante. Máis alá diso, nengunha canción vai ensinarlle a un explotado que ten que guindarse do adibal. El sabe ben que teria que ser libre para ser feliz. E que nestes países a liberdade é case un estigma. Sabemos moi ben que máis alá das liberdades formais que nos permite a democrácia parlamentar (o direito a opinar ou de asociarnos libremente), a verdadeira liberdade consiste en que todo ser humano, polo feito de ter nacido, ten direito á sua vivenda, o seu alimento e a sua saúde".

As cancións de Zitarrosa estiveron proibidas moitos anos no seu país. Tamén os seus discos. A persecución continuou por Arxentina e o exílio levouno a España e México. En todos eses países gañou a vida, moitas veces con dificuldade, sen queixa e cun orgullo ás veces difícil de comprender. Era do que máis fachenda tiña. O sentimento de estar fóra de Uruguai sentíao case como unha traición. Todo isto se contén no seu extraordinário Guitarra negra. Unha peza poética maxistral, co ritmo de milonga que tanto lle gorentaba, que en dezaseis minutos explica a vida de várias xeneracións de latinoamericanos. Gravouse en tres ocasións: Madrid, México e Uruguai. Apenas variada no tempo do canto, a sua vixéncia e capacidade de emocionar segue manténdose coa mesmo intensidade. Fóra dos circuitos comerciais, tanto este libro como os discos de Zitarrosa son complicados de conseguir e só através de Internet pódese adquirir a música uruguaia e o libro de Pellegrino (www.multimediauy.com/musica.htm)

Paga a pena lembrar os versos de auséncia de Alfredo Zitarrosa, cando neste 1999 se cumpren dez da sua desaparición: "Fago falla… Eu sinto que a vida se axita nerviosa se non comparezo, se non estou… Sinto que hai un lugar na fila para min, que se olla ese vacio, que hai un alento que falta, que defraudo unha espera… Sinto a tristura ou a ira inexpresada do compañeiro, o amor do que me agarda magoado… Falta a miña cara na gráfica do povo, a miña voz na consigna, no canto, na paixón de camiñar, as miñas pernas na marcha, os meus zapatos tripando o pó… Os ollos meus na contemplación do mañá… As miñas mans na bandeira, no martelo, na guitarra, a miña língua no idioma de todos, o xesto da miña cara na fonda preocupación dos meus irmáns".®

XAN CARBALLA

Publicado en el periódico gallego: A NOSA TERRA, el 23 de setiembre de 1999

Edición electrónica: www.anosaterra.com
E-mail: antpcg@arrakis.es

 

Comentarios o consultas: webmaster@muldia.com

Home muldia.com | Tienda Cultural | Literatura | Música | Arte | Historia | Turismo | Conozca Uruguay  |


Literatura música poesía plástica mario benedetti eduardo galeano alfredo zitarrosa silvio rodriguez tomas cacheiro contrafarsa idea vilariño tienda cultural uruguay montevideo cultura, turismo, cabo polino, valizas, la paloma, aguas dulces, la pedrera, hoteles, cabañas, camping, rocha, grabado

Sitio desarrollado por Multimedia Uruguay